Thursday 02 de May de 2024

Unha “Music Truck” percorrerá durante 20 días os Camiños Francés, Inglés e Portugués, para achegar a música galega aos pregrinos


A iniciativa enmárcase na programación do Xacobeo, a través da colaboración coa Fundación La Caixa, e permitirá ofrecer un percorrido sonoro pola historia da música galega máis recente

 

Co obxectivo de dar a coñecer dun xeito ameno e didáctico a música feita en galego, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da xira Os Camiños das Músicas Galegas que ofrecerá La Duendeneta, unha orixinal music truck que percorrerá os camiños francés, inglés e portugués durante este mes de xuño.

 

O proxecto, que se enmarca dentro da programación do Xacobeo a través da colaboración da Fundación La Caixa, celebrou hoxe no Pedrouzo a súa primeira sesión musical nun acto no que tamén estivo presente Susan Santos, responsable territorial de la Fundación  en Galicia e o seu impulsor, o xornalista e crítico musical, Carlos Crespo, quen conta cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura dende diversos medios de comunicación. A iniciativa terá continuidade ao longo de 20 días e máis de 30 sesións musicais ata chegar a Compostela, onde dará remate o vindeiro 21 de xuño.

 

En total serán 17 vilas e cidades polas que atravesa o Camiño nas que se deterá esta orixinal music truck, que transitará en sentido inverso aos peregrinos, deixando atrás Compostela e parando en Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria e Triacastela ata chegar ao Cebreiro o día 9 de xuño. De seguido realizaranse catro paradas no Camiño Inglés: Sigüeiro, Ordes, Betanzos e Pontedeume, e cinco no Camiño Portugués: Padrón, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela e Tui. Para rematar con dúas sesión en Santiago de Compostela os días 20 e 21.

 

A directora de Turismo de Galicia destacou a orixinalidade desta iniciativa, que permitirá que tamén a veciñanza poida desfrutar desta orixinal discoteca móbil vintage, mesturándose durante as sesións cos propios peregrinos. Nava Castro destacou, ademais, que a xira “adáptase perfectamente ás novas condicións e normativas hixiénico-sanitarias”, ademais de que se colocarán cadeiras para que o público poida seguir a sesión sentado, mantendo a distancia de seguridade e con máscara. Haberá control de acceso ata completar a capacidade pero non será preciso realizar reserva previa.

 

Percorrido sonoro

As sesións desenvolveranse case como se se tratara dun programa de radio, conducidas polo xornalista, crítico musical e DJ Carlos Crespo, quen realizará un percorrido sonoro e comentado pola historia da música galega, dende os pioneiros do pop ata o día de hoxe, incluíndo todos os xéneros: pop, rock, folk, canción de autor, hip hop, tradicional, electrónica, blues…

 

“O obxectivo é que os peregrinos se vaian de Galicia cun retrato en varias cores do que foi e do que é a nosa música. E amosarllo dun xeito didáctico ao tempo que lúdico e orixinal”, explica o impulsor da iniciativa, Carlos Crespo, quen conta cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura dende diversos medios de comunicación.

 

As sesións de Os Camiños das Músicas Galegas terán lugar, xeralmente, arredor das 18.30h, aproveitando ese intre baleiro que os peregrinos teñen cada xornada sobre esa hora. A maiores, os sábados e os domingos realizarase a maiores unha sesión vermú, ás 13,00 horas, na que soará só música en galego.